Inicio > Anual > Real Filharmonía de Galicia. Temporada 2026-27

Real Filharmonía de Galicia. Temporada 2026-27

16/09/2026 - 28/05/2027

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa tempada 2026/27 baixo o título Memoria, unha proposta que explora a relación entre a música, a lembranza e a creación contemporánea. Na súa cuarta tempada como director titular e artístico da formación, Baldur Brönnimann deseña un percorrido que conecta grandes obras do repertorio sinfónico coas voces máis relevantes da creación actual, reivindicando a memoria como legado, inspiración e materia viva capaz de xerar novas formas de expresión artística.

Ao longo da tempada, a orquestra afonda no diálogo entre tradición e innovación cunha programación que reúne compositores históricos e contemporáneos, artistas internacionais de referencia e unha destacada presenza de talento galego. A pianista Eva Gevorgyan e o compositor Magnus Lindberg serán artista e compositor en residencia, nunha tempada que incorpora ademais a César Ramos como director asistente da Real Filharmonía de Galicia. O programa contará con figuras como Patricia Kopatchinskaja, Johannes Moser, Roman Simovic, Katrin Wundsam, Rufus Wainwright ou Michel Camilo, entre outros.

A programación reforza as liñas estratéxicas do proxecto: aposta pola creación contemporánea, visibilización das creadoras, formación de novas xeracións de músicos e apertura a novos públicos. O ciclo (EN)FOCO XACOBEO, os concertos didácticos, o proxecto participativo Cantamos!, o Curso de Dirección, o Obradoiro de Composición RFG/RESIS.LAB IV e a colaboración coa Escola de Altos Estudos Musicais consolidan un modelo de orquestra comprometido coa creación, a educación e a participación cidadá.

Fiel á súa vocación pública, a Real Filharmonía de Galicia continuará fortalecendo a súa presenza no territorio, levando a súa actividade a auditorios e teatros de toda Galicia e promovendo o acceso da cidadanía á música sinfónica. Unha tempada para construír novas lembranzas colectivas a partir do poder transformador da música.

 

+INFO

Fecha de inicio: 2026-09-16

Fecha de fin: 2027-05-28

Organizador: Auditorio de Galicia

Lugar: Avenida do Burgo das Nacións, Santiago de Compostela, 15782