O que me mira rodeándome
16/07/2026 - 26/09/2026
A Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición O que me mira rodeándome, da artista Alejandra Pombo Su, un proxecto comisariado por Melanie Roumiguiere que poderá visitarse ata o 26 de setembro.
Esta mostra individual reúne por primeira vez “debuxos, esculturas, cine e performance nunha mesma constelación”. A exposición non segue unha cronoloxía nin se organiza segundo os límites de cada medio, senón que fai visible como a práctica artística de Alejandra Pombo Su se desenvolveu ao longo dos anos como un organismo continuo. Xestos, corpos e motivos migran dunha obra a outra, cambian de forma e reaparecen noutro lugar. As obras recórdanse entre si e seguen medrando.
Alejandra Pombo Su é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e doutora en Belas Artes cunha tese centrada nos paradoxos derivados da incorporación da performance á arte contemporánea.
A súa práctica artística desenvólvese entre diferentes linguaxes e contextos, abrangendo a performance, as artes plásticas e o ámbito audiovisual. Ao longo da súa traxectoria recibiu diversos premios e recoñecementos, e a súa obra foi presentada en espazos como a Fundación María José Jove, La Casa Encendida, o Museo Reina Sofía, Fabra i Coats ou a Galeria Municipal de Porto, entre outros festivais, convocatorias e centros de arte.
O seu traballo nace da fascinación por aqueles fenómenos da vida que escapan a unha comprensión racional e aliméntase de experiencias persoais que funcionan como punto de partida para a investigación artística. O seu principal interese reside en afondar no descoñecido, explorando a incerteza como territorio de coñecemento e creación. Desde 2021 forma parte do colectivo NEG, unha colaboración que, nas súas propias palabras, constitúe unha das influencias máis significativas na súa práctica actual.
Fecha de inicio: 2026-07-16
Fecha de fin: 2026-09-26
Organizador: Museo-Fundación Eugenio Granell
Lugar: Praza do Toural 8, Santiago de Compostela, 15705